Lingua Galega e Literatura: O meu barco

Bos días!

Esta actividade de galego ten varias partes e leva facela máis dunha sesión de clase, por iso non vou propoñer ningunha de castelán, aínda que a recomendación de ler uns minutos mantense para todos os días.

Sabedes algunha canción en galego que teña relación co mar, cos barcos ou cos mariñeiros? A min gústame moito esta parte da letra de Amor rianxeiro, tamén coñecida como Vento mareiro ("mareiro" significa favorable para navegar), unha canción popular galega:

“Non lle temas, mariñeiro, ó ventiño do mar,
que o vento mareiro dá mellor navegar.
Se navegas pola ría de Rianxo verás
as estrelas e a lúa darlle bicos ó mar”.

Non vos parece fermoso iso de que as estrelas e a lúa lle dean bicos ao mar?

Preguntade ás vosas familias se coñecen outras cancións en galego que garden relación co mundo do mar. Vós tamén sabedes unha que cantamos ás veces no colexio. Pista: comeza coa palabra “amoriños”.

Podedes facer un listado cos títulos de todas as cancións que vos digan e escribir unha parte que vos guste dalgunha.

Nese listado podedes incluír “O meu barco”, unha canción de Suso Vaamonde con letra de Manuel María (o autor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas no ano 2016). Escoitádea:


Hai unha versión máis moderna desta canción que quizais vos guste máis. É de María Fumaça:


Despois de escoitar as dúas versións de “O meu barco” escollede a vosa favorita e escoitádea tantas veces como faga falta para aprender de memoria unha parte. Escribide esa parte memorizada e ilustrádea (debuxo, témpera, colaxe...).

Por último: Apetécevos facer o voso propio barco de papel? Se vos animades podedes ver este vídeo para guiarvos:


Boa fin de semana!

Unha aperta
A vosa titora

Entradas populares de este blog

Ecosystems

Lingua Galega e Literatura: Conto (escritura creativa)