Lingua Galega e Literatura: Ricardo Carballo (Carvalho) Calero

Bos días!

Estamos na Semana das Letras Galegas, xa que o vindeiro domingo 17 de maio é o Día das Letras Galegas. Este ano o autor homenaxeado é Ricardo Carballo Calero, quen firmaba as súas obras como Ricardo Carvalho Calero, polo que podemos ver o seu nome escrito das dúas formas.

O Día das Letras Galegas celébrase sempre o 17 de maio, pero este ano a Real Academia Galega trasladou ao outono parte dos actos.

Comezamos as actividades da Semana das Letras con estas propostas de actividades elaboradas polo Seminario Galán. Tamén as podedes atopar en: 
http://seminariogalan.org/2020/ACT_2_ED_PRIMARIA.pdf

1.- Le a biografía de Ricardo elaborada polo Seminario Galán para 2º de Primaria:


O escritor Ricardo Carvalho Calero naceu na cidade de Ferrol, na Coruña. Era fillo de M.ª Dolores e Gabriel Ricardo.
De pequeno estudou en Ferrol, nunha escola da rúa Magdalena, a rentes da súa casa, e nun colexio dirixido polo escritor Manuel Comellas. Ao acabar o bacharelato marchou a Compostela e alí estudou Dereito.
Ricardo foi membro do Seminario de Estudos Galegos, un grupo de persoas que defendían o idioma galego e a nosa cultura e alí coñeceu a Castelao, Otero Pedrayo, Risco...
Traballou en moitas revistas: A Nosa Terra, Nós, Guión, Galiza, Resol, Universitarios...
Escribiu moitos libros de poemas, teatro, relatos... Un deles, As pitas baixo a choiva, dirixido aos pequenos, cóntanos un feito que lle pasou a Ricardo cando era pequeno e quería recoller as pitas que se estaban a mollar no patio: acabaron todos... mollados como pitos!
Foi profesor do instituto Rosalía de Castro, de Santiago, e o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galega da universidade.
Tamén foi membro da Real Academia Galega (RAG) e o seu discurso de ingreso foi sobre Rosalía de Castro.
Defendeu a idea de que a lingua galega é unha variedade da lingua portuguesa.
Este ano a RAG dedícalle o Día das Letras Galegas pola súa defensa do idioma galego e da nosa cultura.





2- Contesta por escrito ás seguintes preguntas sobre a súa biografía:
  • Onde naceu Ricardo?
  • Como se chamaban os seus pais?
  • Que estudou en Compostela?
  • Que defendían os do Seminario de Estudos Galegos?
  • Escribe o nome de tres revistas nas que traballou.

3- Ricardo traballou no instituto Rosalía de Castro de Compostela. Que camiño seguía Ricardo todos os días para chegar ao instituto?


4- Resolve este encrucillado relacionado coa biografía de Ricardo.


Seguiremos aprendendo máis cousas sobre este escritor ao longo da semana.


Unha aperta
A vosa titora

Entradas populares de este blog

Ecosystems

Lingua Galega e Literatura: O meu barco

Lingua Galega e Literatura: Conto (escritura creativa)