Lingua Galega e Literatura: A voltas cos museos

Bos días!

Que tal pasastes a fin de semana das Letras Galegas? Deuvos tempo a facer algunha das actividades sobre Ricardo Carvalho Calero? E a receita con salmón?

Imos de celebración en celebración, porque onte, 18 de maio, foi o Día Internacional dos Museos. E xa sabedes o moito que me gustan a min os museos! 

Como acontece con outras datas sinaladas, cada ano escóllese un lema para a celebración. O deste ano 2020 foi “Museos pola igualdade: diversidade e inclusión”.
O cartel escollido polo ICOM (International Council of Museums = Consello Internacional dos Museos), o máximo organismo mundial dos museos e profesionais que traballan nos museos, foi este:

Fonte da imaxe: https://icom.museum/es/

“Museos pola igualdade: diversidade e inclusión” significa museos accesibles a todos e todas, pero tamén a todas as ideas e a todas as miradas. O cartel trata de representar a diversidade, pero se vos fixades os debuxos repítense. As persoas están representadas de medio corpo, co tronco de fronte e a cabeza de perfil.

Buscade no cartel:

Retratos ou debuxos que se repiten.
Persoas que miran cara a dereita.
Persoas que miran cara a esquerda.
Parellas de persoas que se miran.
Persoas que non se miran.

Contade as persoas segundo a camiseta que levan e escribide oracións:
Por exemplo, primeiro contade as persoas que levan a camiseta de cor laranxa. A continuación completade a oración e escribídea:

Hai _____ persoas que visten camiseta de cor laranxa.

Facede o mesmo coas que levan a camiseta azul, verde, rosa e amarela.

Cantas persoas hai representadas no cartel?
Se sumades as persoas que visten as diferentes camisetas, poderedes saber cantas persoas hai en total no cartel. Podedes facelo con calculadora. Despois completade a oración e escribídea:

No cartel aparecen representadas _____ persoas.

A continuación, preséntovos tres museos e tres propostas, para que poidades entretervos ao tempo que practicades galego, castelán e inglés:

1.- MUSEO DE PONTEVEDRA

Comezamos por un museo que está na cidade de Pontevedra, o Museo de Pontevedra.


Na súa sección “O Museo en familia” presenta varias actividades que podedes realizar na casa. Recoméndovos facer unha das relacionadas coa exposición “Debuxantas. Pioneiras da ilustración”:
Neste pdf podedes atopar información en galego sobre a exposición, unha proposta para facer un lapiseiro, varias das obras expostas cunha breve explicación e un marco baleiro para crear a vosa propia obra de arte.

2- MUSEO NACIONAL DEL PRADO



O Museo del Prado está en Madrid e para celebrar o 18 de maio presentou na súa páxina web unha actividade na que os personaxes dos cadros saen á rúa para acompañar a todas as persoas que, en circunstancias normais, pasearían polo Paseo del Prado e farían cola para entrar no museo. Aceptades o reto de localizalos no debuxo? Pinchade no enlace:

3.- TATE KIDS


A Galería Nacional de Arte Británica e Arte Moderna de Inglaterra está composta por catro museos: Tate Britain e Tate Modern están en Londres, mentres que Tate St. Ives está en Cornwall e Tate Liverpool, como o seu nome indica, en Liverpool. Teñen unha grande presenza en internet, e unha das súas páxinas web é Tate Kids, que ofrece información, vídeos, fotografías de obras de arte, xogos e propostas de manualidades para os nenos e nenas. Animádevos a explorala pinchando neste enlace: 

Agardo que vos gustara algún destes recursos! Se non tivestes tempo a exploralos todos non importa, podedes utilizalos outro día.

Unha forte aperta
A vosa titora

Entradas populares de este blog

Ecosystems

Lingua Galega e Literatura: O meu barco

Lingua Galega e Literatura: Conto (escritura creativa)