Lingua Galega e Literatura: Conto de dous parrulos / parrulas
Ola!
Se fixeches a actividade de Lingua Galega e
Literatura de onte estás listo/lista para continuar con esta. Se non é así,
podes consultar o anterior post desta área e observar a foto que hai nel antes
de seguir lendo.
As incógnitas:
A fotografía, de formato horizontal,
saqueina no estanque do Palacio de Cristal, no parque do Retiro (Madrid). Pero
ben podería tela sacado en calquera outro lugar, de fóra ou de Galicia, pois tan só
se ven dous parrulos ou parrulas coa cabeza somerxida e a
auga do estanque, non hai nada máis nela que permita identificar o lugar.
Levoume algún tempo sacala porque os
parrulos non paraban quietos e tiven que ter algo de paciencia para que coincidisen os dous á vez nesa posición.
Ves a
pinga de auga no pescozo? A plumaxe é impermeable.
Son parrulos ou parrulas?
Parecen femias, pola plumaxe apencada e
de cores pouco vistosas, pero non estou segura.
Que diferenza de significado hai entre "parrulo" e "pato"?
Ningunha. En galego parrulo e parrula son sinónimos de pato e pata, é dicir, significan o mesmo e pode utilizarse calquera das palabras.
ACTIVIDADE
Redacta un conto titulado “Conto dos dous parrulos”, “Conto das dúas parrulas” ou “Conto da parrula e o parrulo”.
Redacta un conto titulado “Conto dos dous parrulos”, “Conto das dúas parrulas” ou “Conto da parrula e o parrulo”.
Lembra o proceso para a escritura:
- Preparo “as ferramentas” de escritura.
- Penso e organizo as ideas.
- Escribo o conto. Como é un texto
narrativo ten que ter unha introdución, un nó ou desenvolvemento e unha
conclusión.
- Repaso o que escribín.
Cando remates poderás ilustrar o conto
cun debuxo, como facemos en clase.
Algunhas ideas:
- Había unha vez...
- Érase unha vez...
- Nun fermoso estanque de..
- Hai moitos anos, vivían nun lugar moi
afastado, unha parrula e un parrulo que...
- Xilandrina e Tularina eran dúas
parrulas que...
- E colorín, colorado, este conto está
rematado.
CURIOSIDADES:
* Fixácheste en que se ven as patas dos parrulos? Por que?
* Viches as ondas que se forman na auga? A que se deben?
* Queres saber como é o Palacio de Cristal? Preme sobre a ligazón:
O Palacio de Cristal construíuno en 1887 o
arquitecto Ricardo Velázquez Bosco e está feito de ferro e pranchas de cristal.
Inicialmente foi un invernadoiro xigante no que se expoñían plantas tropicais e
agora forma parte do Museo Reina Sofía, por iso acostuma a haber nel exposicións
temporais.