Lingua Galega e Literatura: POESÍA
Como sabedes, o 21 de marzo foi o Día Mundial da Poesía.
E hoxe en galego tócanos…si, iso mesmo, poesía.
Escollín para vós un poema de Ana María Fernández que me
gusta moito. Creo que xa volo lin unha vez.
Ana María Fernández é autora de numerosas obras para o público infantil. Publicou teatro, narrativa e poesía.
DEBUXAR UN GATO
Sempre quixen debuxar un gato,
unha formiga, un zapato…
ou debuxar unha nube sen cor,
un Pinocho sen nariz,
unha gaita e un tambor,
o perdigón e a perdiz,
os personaxes dos contos
que podería escribir…
Sempre quixen debuxar un gato,
a parrula e o pato,
as orellas do rato,
un elefante,
unha mosca,
un caracol que se enrosca,
un diamante…
Ou debuxar un mar,
un macaco,
un manatí,
un “porquenón”
un “porquesí”.
E, sobre todo,
pensei en debuxarte a ti!
Fernández, Ana
María (2016). Versos da tarde laranxa. Galaxia, Vigo, pp. 20-21.
ACTIVIDADES:
- Le varias veces o poema.
- Se non entendes algunha palabra pide axuda.
- Cando o entendas ben, trata de recitalo memorizando algún verso.
- Conta os versos do poema.
- Conta todas as cousas que a autora quere debuxar.
- Escribe un listado cos obxectos que quere debuxar e cóntaos. Escribe outro listado cos animais que quere debuxar e cóntaos.
- Atréveste a cambiar o poema? Só tes que volver a escribilo cambiando varias palabras. Por exemplo, os obxectos, os animais…
- Por último, xa que a escritora quere debuxarte a ti, poderías axudala co traballo e facer ti o teu propio autorretrato?
Unha aperta
A titora de 2º
