Lingua Galega e Literatura: Carta a un personaxe dun conto


A Estrada, 15 de abril de 2020

Queridos nenos e nenas:

Lémbrome moitas veces de vós e bótovos moito de menos. Agardo que esteades todos e todas ben. Moito ánimo, campións e campioas!

Pensando na actividade de hoxe, acordeime dun dos últimos libros que comprei. Foi no Nadal, pensando en vós. En xaneiro línvolo por primeira vez na biblioteca do colexio. Xa sabedes cal é?
Pista nº 1: Está cheo duns personaxes marabillosos aos que destes vida (moi ben, por certo! 😉).
Pista nº 2: Uns simpáticos inquilinos puxeron patas arriba a vida nunha torre.
Pista nº 3: “Pom, pom, pomporompompom...”.

Propóñovos que pensedes nun dos personaxes dese conto (si, trátase de Rapunzel con piollos) e lle escribades unha carta. Podedes presentarvos, comentarlle por que lle escribides, contarlle algo que vos interese e facerlle preguntas. Coñecedes moi ben a eses personaxes, así que seguro que se vos ocorren moitas cousas.

Antes de escribir, lembrade pensar no tipo de texto (unha carta, podedes repasar as diferentes partes con esta mesma que vos escribo) e organizar as ideas. Despois, mentres escribides, tedes que fixarvos en que a letra se entenda ben, na separación das palabras, no uso de minúsculas e maiúsculas, en se hai que poñer algún punto... Por último, tocará repasar o escrito e facer un debuxo.

Sei que tedes unha imaxinación desbordante e moi boas ideas, así que seguro que saen unhas cartas estupendas!

Unha forte aperta
A vosa titora

Imaxe de Trang Le en Pixabay

P.D.: Rapunzel, acostumada a estar encerrada na torre, probablemente entendería moi ben a nosa situación. Verdade? 😉



Rapunzel con piollos é un conto de El Hematocrítico (así se fai chamar o escritor) ilustrado por Mar Villar. A editorial Xerais publicou a edición en galego en outubro de 2019.

Entradas populares de este blog

Ecosystems

Lingua Galega e Literatura: O meu barco

Lingua Galega e Literatura: Conto (escritura creativa)