Lingua Galega e Literatura: Un conto curto


Benqueridos nenos e nenas de 2º:

Quedaramos en que neste “Mes do libro” vos ía presentar algúns dos meus libros e historias favoritas. Uns encantábanme cando era nena, outros descubrinos máis adiante, como é o caso deste relato que reproduzo a continuación. Titúlase “O neno que imaxinaba” e pertence ao libro Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto & Chinto. Cando o leades notaredes que este neno ten bastante en común con nós nestes días, aínda que por diferente motivo.

O neno que imaxinaba
Aquel neno era o único neno na aldea, non había ningún outro neno con quen xogar, así que aquel neno creou un amigo imaxinario. Como aquel neno e o seu amigo imaxinario non tiñan xoguetes, aquel neno creou unha bicicleta imaxinaria, e unha pelota imaxinaria, e un imaxinario cabalo de cartón.
O inverno estaba sendo moi duro na aldea, e os pais daquel neno non o deixaban saír fóra. Entón aquel neno imaxinou que era verán, e imaxinou que el e mais o seu amigo imaxinario saían fóra, e imaxinou que corrían polos campos, e imaxinou que collían froita madura das árbores, e imaxinou que ían bañarse ao río.
E logo aquel neno imaxinou que alguén escribiría esta historia, e que alguén a estaría lendo neste preciso momento.
Pinto & Chinto (2013). Contos para nenos que dormen deseguida. Kalandraka, Pontevedra, p. 45.

Actividades
Le o conto en silencio varias veces, tratando de comprendelo.
Le o conto en voz alta.

Contesta ás seguintes preguntas comentándoas con alguén ou por escrito:
  1. O protagonista do conto, por que non xogaba con outros nenos?
  2. Por que creou xoguetes imaxinarios?
  3. Por que non podía saír fóra da casa?
  4. Que imaxinou para o verán?
  5. Se ti foses o/a protagonista do conto, que xoguetes imaxinarios crearías? E que imaxinarías para o verán?
  6. Que nome lle poñerías a este neno?
  7. Como imaxinas a este neno? Describe, oralmente ou por escrito, o seu aspecto físico, a roupa coa que o imaxinas e a súa forma de ser.
  8. Como imaxinas ao seu amigo imaxinario?

Por último, imaxina que che encargan ilustrar este conto. Fai o debuxo que che gustaría atopar xunto a el nas páxinas do libro. Non tes porque seguir o estilo da cuberta. A ilustración deste conto pode ser como ti queiras.

Que teñas moi bo día e que imaxines moitas cousas bonitas!

Unha aperta
A titora de 2º

Entradas populares de este blog

Ecosystems

Lingua Galega e Literatura: O meu barco

Lingua Galega e Literatura: Conto (escritura creativa)