MES DO LIBRO. VIAXAR COA IMAXINACIÓN!

Abril é o mes do libro. Onte celebrouse o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e o día 23 celebrarase o Día Mundial do Libro e os Dereitos de Autor.
Por iso, para este mes propóñoche dedicar todos os días uns minutos a un libro, sexa en papel ou dixital. Valen libros de todo tipo: de contos, de poesía, de aventuras, de receitas, de biografías, de inventos, de curiosidades, de animais, de plantas, novelas, enciclopedias, cómics... 📖


Escolle cada día un libro e dedícalle algún tempo. Se é en papel fíxate na cuberta (por fóra, parte de diante), na contracuberta (por fóra, parte de atrás), no lombo (por fóra, a parte que ves nesta foto), no índice, no número de páxinas, nas ilustracións… Le todos os días en silencio e tamén uns minutos en voz alta.

E que me dis dos teus libros favoritos? 💖 Eses que che gusta ver e ler unha e outra vez? Dedícalle tamén un tempo e preséntallos a alguén, como faciamos na clase.
Como non podemos ir ás bibliotecas, podemos acceder ás propostas das súas webs e blogs. Tamén temos a opción dos contacontos. Por exemplo, a sección “Contos contados” de KalandrakaTV: http://www.kalandraka.tv/gl/index.php


Cando rematen as vacacións de Semana Santa propoñereivos algunhas actividades relacionadas cos libros. Polo momento...

HOXE PRESENTO... UN CONTO E UN POEMA

El hombrecillo de la lluvia, de Gianni Rodari, é un conto curto moi fermoso, tanto polo texto como polas ilustracións. Aquí podedes ver as primeiras páxinas animadas: 
https://youtu.be/WhyQNLELOFE

Ler, contar, inventar e xogar cos contos pode resultar tremendamente divertido. Como di Antón Cortizas neste poema, poden ser contos longos, de veras, disparatados, de risa...

Heiche contar…
Heiche contar un conto moi longo
que non ten final, tampouco principio.
Heiche contar un conto de risa:
isto era unha vez un rei sen camisa.
Heiche contar un conto de veras:
por moito que penso non sei como era.
Heiche contar un conto sen présas
que nunca se acaba nin nunca comeza.
Antón Cortizas

Aínda que nesta Semana Santa non podemos viaxar nin saír da casa, sempre temos a opción de deixarnos levar pola nosa imaxinación. Coa axuda dos libros podemos viaxar por todo o mundo sen movernos do sitio!

Unha forte aperta e os meus mellores desexos para estes días de vacacións

A vosa titora

Entradas populares de este blog

Ecosystems

Lingua Galega e Literatura: O meu barco

Lingua Galega e Literatura: Conto (escritura creativa)