Lingua Galega e Literatura: Gústame / Non me gusta


Bos días!
Que tal foi a fin de semana?

Comezamos a semana pensando en cousas que nos gustan e outras que non. Pode tratarse de xogos, comidas, actividades, libros, películas, roupa, accións...


RECORDADE:
Cando nos referimos a unha soa cousa empregamos “gústame” / “non me gusta”.

Exemplos:

Gústame moito a película El Rey León, é unha das miñas favoritas e encántame a súa banda sonora.
Non me gusta nada o meu disfrace de Spider-Man, porque sempre me resultou incómodo.

Cando o que nos gusta ou non nos gusta vai precedido de “que”, “cando”  ou dun verbo (ir, xogar, comer, durmir, escribir...) tamén empregamos “gústame” / “non me gusta”.

Exemplos:

Gústame moito cando imos andando xuntas a clases de pintura, porque así faise máis divertido o camiño.
Gústame xogar ás cartas coa miña nai porque me río moito.
Non me gusta nada que discutamos todos os días para facer os equipos, porque perdemos tempo de xogo e enerxía.

Cando nos referimos a máis dunha cousa empregamos “gústanme” / “non me gustan”.

Exemplos:

Gústanme moito as froitas, especialmente o plátano, as fresas e as laranxas.
Non me gustan nada as películas de medo que ve o meu curmán porque pásoo mal.

ACTIVIDADES
Escribide 5 oracións para cada caso; poden corresponderse coa realidade ou ser inventadas e estar cheas de fantasía:

Gústame

Non me gusta

Gústanme

Non me gustan

Se cando rematedes tedes tempo, pensade nalgo que vos guste moito e debuxádeo.

Esta actividade non é necesario entregala.

Que pasedes un bo día!

Unha aperta
A vosa titora!

Entradas populares de este blog

Ecosystems

Lingua Galega e Literatura: O meu barco

Lingua Galega e Literatura: Conto (escritura creativa)