Lingua Galega e Literatura: Inventar diálogos

Bos días!

Hoxe propóñovos un reto: inventar varios diálogos en galego entre dous personaxes e escribir un deles.
Podedes coller dous bonecos, bonecas, peluches...que teñades na casa e inventar para eles situacións e conversacións.

Imaxe de Alexas Fotos en Pixabay

Por exemplo: Aquí temos á ra Gustavo e á Pantera Rosa nunha peculiar situación. Imaxinades que poderían dicir? Si, a Pantera Rosa non acostuma a falar, pero para iso está a vosa imaxinación!

Despois de inventar varias situacións e diálogos cos vosos bonecos, escribide un deles. Podedes seguir o modelo destes exemplos:

Exemplo 1: Diálogo entre o peluche Pepín e a boneca Flor. Situación: atópanse no parque e comeza falando Pepín.
- Bos días!
- Ola, bos días! Como te chamas?
- Chámome Pepín. E ti?
- Eu son Flor. Nunca te vira por aquí. Es da Estrada?
- Non, son de Muros, pero estou pasando uns días de vacacións cos meus tíos.
- E cantos anos tes?
- Teño 7, e ti?
- Eu son moito maior, teño xa 8.
- Moito maior, moito maior... Pero se só me levas un ano!

Exemplo 2: Diálogo entre o boneco do Capitán América e o peluche Pluto. Situación: Atópanse na praia. Comeza falando o Capitán América.
- Ola! Que castelo de area máis bonito!
- Graciñas! Levoume moito tempo, nunca fixera un tan grande. Debaixo escondín un óso!
- Como te chamas?
- Non me coñeces? Son Pluto.
- Encantado de coñecerte. Eu son o Capitán América.
- Xa te recoñecera. Non estás incómodo con ese traxe na praia?
- Un pouco, pero non podo quitalo.
- Queres xogar comigo?
- Sería xenial! Facemos outro castelo?

Ánimo! Seguro que vos saen uns diálogos moi orixinais!

Unha aperta
A vosa titora

Entradas populares de este blog

Ecosystems

Lingua Galega e Literatura: O meu barco

Lingua Galega e Literatura: Conto (escritura creativa)