BO VERÁN!


A Estrada, 19 de xuño de 2020

Benqueridos nenos e nenas de 2º de Educación Primaria:

Chegou o fin de curso!

Por unha banda chegan as vacacións, as longas tardes de verán, os horarios flexibles, os xeados, esas piscinas das que falastes… Que ben o ides pasar!

Por outra banda, tócanos despedirnos ata o vindeiro curso. Eu neste momento non podo evitar estar algo triste, porque encantaríame ser a vosa titora mil e unha veces máis! Pero á vez tamén estou moi contenta. Contenta de tervos coñecido, enormemente feliz de ver os vosos progresos, de comprobar que, pese a que este curso non foi como nos gustaría, estivestes aí, ao outro lado da pantalla, cos vosos sorrisos, coas vosas ideas xeniais, co voso traballo, co voso agarimo e ledicia. Estou tremendamente orgullosa de todos e todas vós. Non podo escribir aquí os vosos nomes, pero fareino na Aula virtual, onde só vós o poidades ler.

Ao longo da mañá publicarei na Aula virtual esta carta, algo máis extensa, e tamén poderedes ler nela unha mensaxe personalizada que vos enviarei.

Neste momento, só teño palabras de agradecemento: GRAZAS! MOITAS GRAZAS! MIL GRAZAS! ¡GRACIAS! THANKS! MERCI!
Podedes completalo en todos os idiomas que saibades, porque son unhas grazas de verdade, de todo corazón.

Deséxovos que teñades unhas felices vacacións e que desfrutedes ao máximo do verán, pero coidádevos moito!
Desexo tamén, despedíndome como titora, que a sorte vos acompañe sempre, que logredes superar as dificultades que se presenten e que loitedes polos vosos soños. Que sexades moi felices!

E…por se algún ou algunha de vós non se decatou, direivos unha cousiña máis, tomando prestadas as palabras dese conto tan fermoso que vos lin hai xa tempo, cando vos comecei a dar clase:

Quérovos de aquí á Lúa…e volta!

Milleiros de apertas e bicos da vosa titora

BO E FELIZ VERÁN!

María

P.D.: Non me podo despedir así, sen máis, deste grupo con tanto ritmo. Animádesvos a cantar e bailar? Aquí vos deixo unha canción con moito corazón.

Eu teño alguén (María Fumaça):

Entradas populares de este blog

Ecosystems

Lingua Galega e Literatura: O meu barco

Lingua Galega e Literatura: Conto (escritura creativa)