LCL, LGL, Relixión, Valores S.C.: Día Mundial do Medio Ambiente
Bos días!
Un vídeo: The Secret -Planet Earth
Sorpresa!
Como todos os anos dende 1974 o 5 de xuño é o Día Mundial
do Medio Ambiente. Este ano o país anfitrión é Colombia e o tema central é a
BIODIVERSIDADE que, como se explica na páxina web de Nacións Unidas, abrangue “aproximadamente
os 8 millóns de especies que hai no planeta, os ecosistemas que as albergan e a
diversidade xenética entre elas”.
Fonte da información e da imaxe:
Lembrades o tema do coidado e amor á natureza que
traballamos en clase? E o lema deste curso no Colexio? A imaxe que abre este
post seguro que volo recordou 😉.
Hoxe imos retomar ese tema pero en sentido máis amplo,
porque falar de medio ambiente abrangue moito máis que falar da natureza, de
feito, o medio ambiente non só é o natural, tamén é o medio ambiente cultural.
Este vídeo explícanos que significa medio ambiente:
Que podemos facer nós para coidar o medio ambiente e
coidar o noso planeta? Cales son esas actuacións locais ás que fai referencia o
lema do curso e que están nas nosas mans?
Penso que todos e todas coñecedes a Regra dos 3 ERRES:
REDUCIR: reducir o consumo, consumir de xeito racional. Necesito
comprar isto? Ten un envoltorio excesivo?
REUTILIZAR: darlle á máxima utilidade ás cousas, sen necesidade de
tiralas tras un uso. Así producimos menos lixo e consumiremos menos recursos.
RECICLAR: separar os residuos permite aforrar enerxía, auga,
materias primas, tempo, cartos...
Actividade:
Onte nas videoconferencias fixestes un montón de
propostas para o coidado do planeta, que escribo aquí debaixo. Clasificádeas segundo
teñan que ver con REDUCIR, con REUTILIZAR ou con RECICLAR. Podes lelas e
comentalas con alguén, ou volvelas a escribir facendo os tres grupos.
Aquí están as vosas magníficas ideas:
- Materia orgánica: facer compost (con restos de comida,...).
- Facer abonos naturais con herba e follas e tamén con ortigas.
- Reducir o consumo de enerxía e auga: apagar as luces cando non as necesitamos e pechar a billa cando nos estamos lavando os dentes.
- Ducharse mellor que bañarse.
- Tratar ben aos animais e coidar ás mascotas. Non abandonalas cando imos de vacacións.
- Usar paneis solares.
- Empregar materiais de refugallo nas manualidades.
- Facer xogos para aprender a separar os residuos.
- Non tirar o lixo ao mar.
- Non tirar os aparatos electrónicos nas beiras dos camiños, levalos ao punto limpo ou a unha tenda na que os recollan.
- Dedicar cartos á investigación a favor do coidado do medio ambiente.
- Protexer ás abellas fronte ás velutinas.
- Non talar indiscriminadamente árbores.
- Usar menos o coche: camiñar máis ou usar a bicicleta.
- Non usar palliñas de plástico, usar as degradables.
- Aproveitar a enerxía solar.
- Clasificar o lixo: Papel e cartón: colector AZUL, Plásticos: colector AMARELO, Vidro: colector VERDE, Obxectos de metal: PUNTO LIMPO.
- Non tirar lixo ao chan.
- Non desperdiciar a auga.
- Evitar riscos que poidan provocar incendios.
- Usar menos plásticos.
- Limitar o consumo de produtos de usar e tirar.
- Utilizar o papel polas dúas caras.
- Regalar a roupa que xa non usamos.
- Usar pilas que se poden recargar, pois o mercurio é moi contaminante.
- Escoller produtos con pouco envoltorio.
Parabéns polo traballo!
Outros recursos:
Aquí vos deixo outros
recursos que penso que vos poden gustar:
En castelán:
Un conto: ¿Qué le pasa
al planeta?
Unha canción que xa coñecemos: El planeta hay que salvar
Que teñades un bo día e moi boa fin de semana!
Unha forte aperta
A vosa titora

