Lingua Galega e Literatura: A cousa que máis doe do mundo (conto popular)
Bos días! Que tal o pasastes na fin de semana?
Comezamos a penúltima semana deste curso cun conto
popular que quizais coñecedes: A cousa que máis doe do mundo.
Este conto procede da tradición oral africana, en
concreto de Costa de Marfil. Paco Liván e Roger Olmos son os autores da
versión publicada por OQO e, a partir dela, fíxose esta adaptación
cinematográfica que forma parte de Os contos no camiño:
Actividades
* Estas actividades
levarían máis dunha sesión de clase, así que podedes repartilas entre varios días.
1.- Visualiza o vídeo unha vez sen detelo.
2.- Expresión oral
Comenta con alguén en galego estas cuestións:
- Como te sentiches vendo o vídeo? Explícao.
- Estás de acordo co que conta esta historia? Explica o motivo, tanto se a túa resposta é “si” como se é “non”.
- Gústache o conto? Explícao.
- Gústache o final deste conto? Notas algo en falta? Explícao.
- Inventa un final diferente para este conto.
3.- Escritura
Escribe no caderno ou nunha folla o título e os nomes de
todos os personaxes que interveñen, recolléndoos na orde na que aparecen e escribindo
diante o artigo que corresponda. Podes volver a ver o vídeo e paralo varias
veces para tomar nota.
Exemplos:
A cebra
As moscas
4.- Escribe o conto coas túas propias palabras. O final pode ser diferente.
5.- Fai un debuxo sobre o conto.
Parabéns, tarefa rematada!
Abrirei un apartado
específico na Aula virtual, dentro da área de galego, para que poidades
entregar a parte escrita desta tarefa. Prazo: ata o 16 de xuño.
Unha aperta agarimosa
A vosa titora
