Lingua Galega e Literatura: Lectura comprensiva
Bos días!

Xa sabedes o moito que vos insisto en que busquedes todos
os días uns minutos para ler. Escollede textos ou libros que vos gusten e que
poidades entender. Poden ser contos, cómics, libros de poemas, de inventos, de
animais, de aventuras, de receitas, biografías, etc. Tratade de ler tanto en
castelán como en galego, pero non ten que ser todos os días os dous idiomas.
Como parte desas lecturas, hoxe leredes este texto
narrativo en galego, que vai acompañado dunhas preguntas:
UN CONCERTO ACCIDENTADO
Todo estaba a punto para as festas. As rúas, coas caras
limpas, estaban adornadas con bandeirolas e grilandas de luz. Aquí e alá víanse
postos de churros, de flocos de millo, de algodón de azucre, de mazás
acarameladas... Ulía a gloria!
Á tardiña, o campo da festa comezou a encherse. Mentres,
os operarios remataban de instalar a tarima para o concerto e probaban a
megafonía:
- Probando! Probando! Un, dous, tres!
Á hora prevista, a alcaldesa saíu ao balcón con cara de
ferreiro. Colleu o micrófono e falou solemnemente:
- Veciños e veciñas! Lamento dicirvos que este ano a
festa comezará sen o tradicional concerto da banda municipal.
- O que?
- E logo?
A voz da alcaldesa cortou o rebumbio que formara a xente.
- A banda volvía en autobús desde Lisboa, tras participar
nun certame internacional. A tres quilómetros de aquí picaron unha roda e teñen
que esperar polo servizo técnico. Total...a banda non vai dar chegado a tempo!
Unha voz alzouse entre a multitude.
- Están só a tres quilómetros? Pois logo, que veñan
camiñando!
A xente comezou a aplaudir, pero a alcaldesa explicou:
- Imposible! Terían que vir cargando coas maletas e cos
instrumentos, e algúns pesan moito.
A mesma voz de antes dixo:
- Aquí somos moitos. E se os imos axudar?
Meu dito, meu feito! Nun abrir e pechar de ollos,
organizouse unha expedición de coches e furgonetas. E, pouco despois, un
terremoto de bucinas resoou na praza:
- Xa volven! Velaí os veñen! -oíuse berrar.
Os cincuenta membros da banda entraron triunfalmente na
praza, cargados con cadanseu instrumento. Tras deles, a marea de voluntarios
levaba maletas, mochilas e bolsas variadas. A xente estalou en calorosos
aplausos e os músicos ocuparon a tarima que facía de escenario.
Con algo máis dunha hora de atraso, as festas comezaron
como mandaba a tradición: cun magnífico concerto da banda municipal!
Despois de ler o texto tantas veces como sexa
necesario para comprendelo, contestade a estas preguntas:
a. Que facían os veciños reunidos?
b. Quen lles falou aos veciños desde o balcón?
c. Que lles comunicou aos veciños?
d. Que decidiron facer os veciños? Escolle a resposta
correcta:
- Esperar a que os músicos volveran andando, porque estaban cerca.
- Marchar cos seus vehículos a buscar os músicos e as equipaxes.
- Suspender a festa e deixar a celebración para outro día.
Para rematar o traballo podedes facer un debuxo
relacionado coa lectura.
Unha aperta
A vosa titora
Fonte do texto: VV.AA. (2015). Lingua Primaria 2. Segundo trimestre. Santiago de Compostela, Santillana Obradoiro, pp. 72-73.
Fonte do texto: VV.AA. (2015). Lingua Primaria 2. Segundo trimestre. Santiago de Compostela, Santillana Obradoiro, pp. 72-73.