Relixión: A parábola do bo samaritano (Só para alumnado matriculado en Relixión)
Bos días! 😊
No mes de xuño repasaremos algúns contidos de Relixión que traballamos na aula. Hoxe tócanos un que abordamos en todas as áreas e tamén nos recreos: axudar aos demais.
Propóñovos ver estes dous vídeos, que tratan sobre unha das parábolas máis coñecidas: O bo samaritano. As parábolas son breves historias que Xesús contaba á xente que o seguía para ensinarlle e aparecen recollidas na Biblia.
O primeiro vídeo resume a parábola nunha canción e fainos unha pregunta: Cal das persoas que se atopou co home ferido actuou de forma máis humana? É dicir, quen vos parece que actuou mellor? Por que?
No segundo dos vídeos preséntase a parábola con máis detalle, pero a mensaxe é a mesma:
Naquel deserto e naquela época non había teléfonos. Nós, ante unha emerxencia, debemos pedir axuda aos que nos rodean, a unha persoa adulta ou, se estamos sós e temos un teléfono, chamar a un destes números:
112 (emerxencias en xeral) 061 (emerxencias sanitarias)
Despois de ver os vídeos podedes facer as seguintes actividades:
1.- Contádelle a alguén de que trata esta parábola.
2.- Dobrade un folio en dúas partes iguais imitando un libriño. Abrídeo de novo e collede material de escritura e debuxo.
3.- Na metade da esquerda escribide o título “O bo samaritano” e facede un debuxo relacionado con esta parábola.
4.- Na metade da dereita escribide o título “Eu tamén podo axudar” e debuxade unha ou máis situacións nas que vós podedes axudar aos demais (por exemplo: na casa, na escola, na rúa...).
5.- Coloreade os debuxos con ceras ou rotuladores.
6.- Sacádelle unha foto a este traballo para enviarmo a través da Aula Virtual (tedes de prazo ata o 7 de xuño ás 15:00 h.).
Se tedes algunha dúbida podedes preguntarme na seguinte videoconferencia.
Unha forte aperta
A vosa titora